25 Agosto 2005
Chove por fín, en terras de Agrodeira. Ogallá chegue esta lene froalleira para que, ó menos durante uns días, o lume non volva a facer estragos no puco monte que aínda non está calcinado.
Así, con perspectivas de auga e coas costas aínda mazadas po-lo carneiro, enceto éste día de xoves no cabodano da morte de Manuel López González e Diego Espiñeira Vilariño, ámbolos dous de 26 anos, mestre un e mariñeiro o outro e que foron fusilados tal día coma hoxe do ano 36 baixo acusación de pertencer ó Partido Galeguista.
Hoxe acordeime deles ó pasar por diante da Igrexa Parroquial e ver que aínda perdura a placa de mármore branco en recordo po-los "Caídos por Dios y por España" Faíseme vergoñento ter que ve-la todos os días e non facer nada.
servido por cantos-de-mal-dolor
sin comentarios
compártelo
24 Agosto 2005
Hoxe "vin a morte cara a cara", nunca tan preto de "morrer" estivera, cóntovos. Un amigo que está no outro lado do Altántico pideume unhas fotos de Iria, a miña filla. Púxenme mans á obra pero a nena estaba repunante e non quería porse quieta, convencina ó dicirlle que íamos ver as ovellas do veciño (encántanlle, pode votar horas a mirar pra elas, ata chega a balar coma elas) O caso é que rematado o traballo, cando xa estábamos na cancela da horta e a nena xa saíra, recibín un topetazo nas costas que me deixou sen alento. No medio das fodidas ovelliñas hai un carneiro que truca, menos mal que é un carneiro "mono" (dos que non teñen cornos) O becho asegundoume por ver de rematarme e mandarme prá cova po-la vía de apremio.
Deu a vida que o veciño chegou a tempo de librarme desa besta do averno. O que máis me doeu non foron os topetazos en sí, senón que dez minutos depois José, o veciño, andaba a pasear a Iria subida no Leviatán que case me esmendrella mentras ela berraba: "Ovelliña, Papi, ovelliña, arre, arre,beee....beeeee".
José mira pra min con cara de cachondeo e sóltame: -Sácalle unha foto ahora, "Paquirri"- Po-la mala sangue que me entrou non lla saquei. E o carneiro que se ande con ollo, non vaia ter un "accidente". Me cago na industria lanar.
servido por cantos-de-mal-dolor
4 comentarios
compártelo
23 Agosto 2005
Mentras remexía no estante dos libros atopei unha edición especial de contos do Anxel Fole, data do 97, cando lle adicaron o día das Letras. É curiosa prque a presentación do libro é cousa de Celso Currás que daquela era Conselleiro de Educación e Ordenación Universitária. Decateime de que o ex-conselleiro ten nome de percebeiro furtivo e aínda votei unhas risadas, se cadra tivo algo que ver un extrano aroma de Marrocos que aboiaba na sala. Os máis dos contos son tirados de "Á lus do candil " xa os lera todos pero así e todo deume por relee-los. Levo unha tempada que me dá por revisionar lecturas anteriores, sempre se descobre algo novo. E, dende logo, a traverso da exótica óptica que aportan os meus cultivos de guerrilla soáronme distintos os contos do Fole. Estoume volvendo un experto nesto do cultivo de plantas non meramente decorativas, este ano libráronse da queima, o ano pasado non tiven tanta sorte.
servido por cantos-de-mal-dolor
sin comentarios
compártelo
22 Agosto 2005
O País está que arde, mágoa de sardiñas porque ascuas temos abondo. O conselleiro do ramo, Suárez Canal, aínda non pousou o cu no asento e media Galicia xa está carbonizada. En terras de Agrodeira e arredores xa pouco queda por arder, o último cacho de Curota que aínda non ardera está sendo comesta po-lo lume dende onte á noite. Queimado esto, acabaránse os incendios por estes lares.
Dóeme a cabeza, algo terá que ver a inxesta de alcohol de onte,pero po-lo menos xa me pasou o cabreo. Veremos canto tardan en ">encabuxarme outra vez
servido por cantos-de-mal-dolor
2 comentarios
compártelo
21 Agosto 2005
Estou a escoitar ós AC/DC, non é que debeza por eles, pero de vez en cando doulle uso como terapia de choque contra a mala sangue. Si, o cabreo de onte sigue latexando, palpebrando a frol de pel. O exceso de decibelios fixo que un par de clientes colleran camiño antes de tempo, se cadra hoxe pecho a unha hora decente e aínda me da tempo de afogar o cabreo en augardente de herbas ou licor café. Algo dentro de mín dime que o cabreo seguerá mañá, pero cando menos esta foliada xa estará apuntada no "haber" e non no "debe", ata poida que a resaca sexa máis forte que o cabreo e leve o día máis tranquilo. Xa veremos.
servido por cantos-de-mal-dolor
sin comentarios
compártelo
21 Agosto 2005
A calor estase a facer insoportable, xa po-la mañá picaba o sol no lombo, quen poidera estar dando unha voltiña po-las fragas do eume, de seguro que alí se debe estar fresquiño.
Onte á noite deume por releer algunha pasaxe de "A nación incesante" un libro que recolle unha serie de conversas con X. M. Beiras, o que fora cara de cartel do BNG ate as pasadas eleccións, nel, o Beiras non deixa títere con cabeza, persoaxes de peso incuestinable dentro do galeguismo son espelexados sen sequera un resquicio de piedade, se cadra por non comulgar co marxismo-leninismo defendido polo profesor Beiras, se cadra por negarse a reconstituir un Partido Galeguista esnaquizado no 36. Disque é de ben nacidos o ser agradecidos, neste caso, aínda ninguén lle agradeceu a esa xente o ter apoiado os comezos da UPG, do PSG e demáis calaña que tentou apoderarse das ideas de Castelao, homiño republicán e profundamente galeguista, algo que, até o de agora, non demostraron nin os "upegallos" nin os extintos "pexegos". Ver pra creer.
Alonso acaba de dar outro pasiño cara o título mundial de F1, e iso é o único que parece importarlle á masa borreguil.
servido por cantos-de-mal-dolor
sin comentarios
compártelo
20 Agosto 2005
Esta mañá vin na tele un pouco dos funerais de estado que fixeron por mor dos soldados mortos no Afganistán. Puiden ver algunha cara coñecida xa que os falecidos servían na mesma compañía na que eu estiven anos atrás, algún sarxento convertido en subtenente, algún soldado ascendido a sarxento primeiro... unha morea de recordos.
Un dos falecidos era veciño, non o coñecía de nada, nunca tivera trato con el,pero non puiden evitar un pesar que aínda me dura. Xa sei que morreu facendo o seu traballo, tamén son consciente de que foi ó Afganistán de xeito voluntario, quero creer que foi un accidente (esa é a versión oficial) aínda así,un non pode deixar de preguntarse que carallo fan alí centos de mozos españois, os máis deles galegos, cando a meirande parte do país non sabería situar Afganistán nun mapamundi. Dínnos que morreu por mor da Democracia e da Liberdade, ogallá fose así. Eu teño as miñas dúbidas.
servido por cantos-de-mal-dolor
1 comentario
compártelo
20 Agosto 2005
Hoxe damos comezo a esta andaina, veremos que sae daquí, nada bo supoño. Teño firme propósito de vir posteando algo case tódolos días, logo pasará o que pase, coma cando dixen que deixaba o tabaco e pasei de fumar un paquete a queimar dous.
Non sei se é bo día pra comezar nada, teño o demo metido no corpo por mor dunha discusión parva.¿Porqué será que non son quen de esquece-la, deixa-la correr como fan todos? en fin... xa veremos.
servido por cantos-de-mal-dolor
2 comentarios
compártelo